Unha investigación estudará o consumo de drogas a través da análise das augas da depuradora de Praceres

Wait 5 sec.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou este luns unha iniciativa innovadora que se porá en marcha en Galicia: analizar as augas residuais para detectar o consumo de drogas na comunidade. A través do estudo do que tiramos polo váter, poderase saber que sustancias están a circular entre a poboación. Este sistema, xa utilizado noutros países europeos, permitirá coñecer o consumo de drogas como cocaína, cannabis, fentanilo e outras sustancias. Unha das plantas elixidas para participar neste estudo será a depuradora de Pontevedra, aínda que non estará soa pois tamén se recollerán mostras nas estacións de Tui, Lugo, Ourense e Santiago. En total, realizaranse dúas campañas de análises ao ano, durante dúas semanas cada unha. O obxectivo é reforzar a estratexia de prevención de adiccións e anticiparse á aparición de novas drogas que poidan supor un risco para a saúde pública. Todo iso de forma anónima e sen sinalar a ninguén en concreto, pero con datos valiosos que permitirán actuar con rapidez e eficacia. Este ambicioso proxecto contará cun orzamento inicial de 50.000 euros e será posible grazas á colaboración entre a Consellería de Sanidade, Augas de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. O persoal investigador da USC será o encargado de analizar as mostras mediante técnicas avanzadas como a cromatografía e a espectrometría de masas. Augas de Galicia, pola súa banda, encargarase de recoller as mostras nas distintas estacións depuradoras. Como explicou o conselleiro, este sistema "ofrecerá datos en tempo real sobre o consumo de certas sustancias e permitirá detectar a entrada de novas drogas emerxentes", algo crucial ante a ameaza de opioides sintéticos como o fentanilo, que teñen un altísimo poder adictivo.