O goberno municipal de Moraña púxose mans á obra, nunca mellor dito, para impulsar unha importante mellora viaria entre o lugar de Portopereiro, na parroquia de San Lourenzo, e Cosoirado, ao abeiro do plan municipal de modernización de pistas. Esta actuación, que vai ser financiada pola Xunta de Galicia, ten un orzamento de 33.547 euros. As obras permitirán cambiar todo o asfaltado desta pista municipal. Na actualidade, o estado do fime é deficiente polo paso do tempo, o peso do tráfico rodado e os efectos da climatoloxía. En concreto, vaise proceder á limpeza integral das cunetas para acadar o aproveitamento máximo de toda a plataforma, que ten unha anchura de tres metros; o fresado de todo o firme e a dotación dunha nova capa de rodadura en quente con cinco centímetros de groso. En total, acondicionarase todo o treito entre ambos lugares cunha lonxitude de 970 metros e unha superficie reformada de 2.910 metros cadrados. A intención do goberno local é que a obra dea comezo de inmediato para tela executada antes de que chegue o inverno. O seu prazo de execución está fixado nun máximo de dous meses. O alcalde de Moraña, Sito Gómez, visitou esta zona xunto ao concelleiro Alberto Caldas e anunciou que o Concello ten previsto axilizar o acondicionamento de diversas vías municipais aproveitando as achegas e plans de distintas administracións. "Estamos tratando de espremer ao máximo todas as opcións e axudas dispoñibles para remodelar ao máximo a nosa rede viaria", explicou o rexedor. O obxectivo, sentenciou Gómez, é "darlle un pulo ás nosas pistas antes de que chegue a época con peor climatoloxía".