A Deputación de Pontevedra abriu este luns os prazos de presentación para dúas das súas iniciativas máis ambiciosas en materia de axuda aos concellos da provincia, o segundo Plan Extra e o terceiro plan extraordinario de infraestruturas deportivas. Entre ambas as dúas iniciativas, o investimento será de 43 millóns de euros. No caso do Plan Extra, trátase dun programa dotado con 35 millóns para executar proxectos estratéxicos que posibiliten a modernización do territorio, contribúan a atraer e fixar poboación e senten as bases dun crecemento sostible e equilibrado. Con estes recursos provinciais os concellos poderán facer fronte ao impulso de novas infraestruturas ou equipamentos públicos ou a rehabilitación dos xa existentes. Ademais, poderán realizar intervencións en espazos públicos urbanos ou naturais, así como actuacións que fomenten a recollida separada de biorresiduos de orixe doméstica. Cada concello de menos de 50.000 habitantes só poderá presentar un proxecto e, en función da súa poboación recibirá entre 500.000 e 1,1 millóns de euros. Estes investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 31 de decembro de 2027 O prazo para presentar solicitudes estará aberto durante un mes. Pola súa banda, para o terceiro plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dotado con 8 millóns, os concellos poderán pedir fondos ata o 5 de xaneiro de 2026. Neste caso, poderán empregar estes recursos para subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo ou a súa cuberta. Tamén poden destinalos á modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes, á dotación de equipamento e material para estes espazos ou á adquisición de terreos para uso deportivo. Os 8 millóns de euros deste plan repártense entre unha parte fixa de 75.000 euros que recibirán automaticamente todos os concellos, ata un total de 4.425.000 euros (o 55% do orzamento). Os 3.575.000 euros restantes, que se corresponden coa parte variable, serán repartidos entre os concellos en función dos proxectos que presenten a esta convocatoria. A diferenza do Plan Extra, a Deputación permitirá financiar máis dun proxecto por concello. O importe mínimo dos proxectos sufragados será de 20.000 euros no caso de obras e de 6.000 euros no caso de subministracións.