Gustaríache ser modelo por un día? Debut 2025 está a buscarche

Wait 5 sec.

Si algunha vez soñaches con subir a unha pasarela e vivir desde dentro o mundo da moda, esta é a túa oportunidade. Debut 2025, o gran desfile de fin de máster do alumnado de Esdemga (Facultade de Deseño), xa quenta motores para a súa esperada cita do 21 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Desde este mércores 8 de outubro e até o 31 de outubro, está aberto o prazo para inscribirse como modelo voluntario. Non fai falta experiencia, nin tallas específicas, nin idade concreta xa que se buscan persoas reais, diversas e con ganas de vivir unha experiencia diferente. "Calculamos que necesitaremos unhas 60 persoas", explica Lola Dopico, coordinadora do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. "Pero todo dependerá do número final de coleccións e das características que necesite cada deseñador". Participar nas probas de selección é moi sinxelo xa que as persoas interesadas só teñen que achegarse ao despacho de Esdemga, na Facultade de Belas Artes, os luns e mércores de 11:00 a 13:30 horas e o venres de 11:00 a 13:30 horas e de 17:30 a 19:30 horas. Alí tomaranlles medidas e unhas fotos, coas que se elaborará unha ficha. A partir de aí, seleccionarase ás persoas que mellor encaixen en cada colección, porque cada deseño ten a súa historia e o seu público ideal. Debut 2025 non é só unha pasarela, é o broche de ouro a toda unha semana dedicada á moda, que incluirá obradoiros, charlas, encontros con profesionais e entrevistas laborais con empresas do sector. Un escaparate de talento que cada ano reúne a deseñadores, creativos e axentes do mundo da moda para ver o novo que vén. O desfile terá unha primeira parte coas coleccións de fin de máster, que optarán a varios premios e unha segunda, cos proxectos do alumnado de primeiro curso. Así que a quen lle apeteza vivir a moda desde dentro, dar o paso á pasarela e formar parte dunha experiencia creativa inesquecible… Debut 2025 está a esperarlles.