O CN Galaico proclámase campión na Copa de España de Augas Abertas

Wait 5 sec.

O Club Náutico Galaico de Pontevedra culminou unha tempada de alto nivel ao proclamarse campión de España da Copa de Augas Abertas tras unha intensa campaña de catro meses que os levou por 19 etapas diferentes. A conquista do título selouse en Mataró (Barcelona) este 27 de setembro, onde o equipo galego defendeu con éxito o liderado que mantivera durante practicamente toda a competición. Con máis de 28.150 puntos acumulados, o CN Galaico impúxose cunha vantaxe de 7.000 puntos sobre o CN Ponteares, que terminou segundo con 21.137,5 puntos malia ser o equipo dominador nas últimas tempadas. A X Copa de España de Augas Abertas comezou o 27 de abril en Eivissa, coincidindo coa Copa do Mundo e o Campionato de España, e esixiu aos nadadores unha dedicación total durante o verán, competindo cada fin de semana e mesmo afrontando até tres travesías consecutivas. A nivel individual, o club pontevedrés brillou especialmente nas categorías inferiores. Alba Castro alzouse co título de campioa de España en categoría Infantil Feminina, mentres que Mateo Prado logrou a medalla de prata como subcampión en Infantil Masculina. En Junior II Masculina, Oliver Rocha tamén conquistou a prata. O éxito completouse con Elena Gómez, que obtivo o bronce no xeneral Infantil Feminina, e unha destacada representación no top-10 nacional. Nas categorías superiores destacaron Samuel Infestas (7º) e Xabier Aguiar (8º) en Elite Masculina, Paula Goyanes (6ª) en Elite Feminina, mentres que en Junior II brillaron Iker Pérez (4º), André Rendo (5º), Anxo Castiñeiras (7º) e Adrián Méndez-Benegassi (8º). Lois Chan completou o top-10 co seu cuarto posto en categoría infantil. Deportistas do CN Galaico no podio en MataróCN Galaico Deportistas do CN Galaico no podioCN Galaico