Revitalizar o gastroespazo da praza de abastos de Pontevedra está nos plans do goberno municipal. A previsión do Concello é que os postos vacantes se ofrezan en procedemento aberto a finais deste mesmo ano. Así o avanzou este luns a edil responsable da área de promoción económica, Anabel Gulías, que cifrou en dez os postos que se pretenden cubrir nesta convocatoria. Os técnicos municipais están a ultimar os pregos que rexerán o proceso de concesión de autorizacións para poder optar a un destes postos. Gulías explicou que o atraso neste proceso, anunciado xa a principios deste mandato, debeuse a que o Concello optou por impulsar obras de mantemento que resultaban "básicas" para o bo funcionamento das instalacións. Estas actuacións foron "prioritarias", indicou a concelleira, para que todo o mercado de abastos puidese seguir prestando servizo á cidadanía en óptimas condicións. Ademais, como "segundo paso" antes desta nova licitación dos postos, o goberno municipal quixo dotar ao gastroespazo dunha programación estable de actividades. Sostivo Anabel Gulías que para "asegurar o éxito futuro" do espazo gastronómico da praza de abastos de Pontevedra había primeiro que programar actividades para demostrar, como así foi, o "tirón" que ten este equipamento entre a cidadanía. Agora, coa intensa programación de Pontevedra Capital Gastro que se desenvolverá no mercado entre os meses de outubro e maio, o Concello entende que é o mellor momento para relanzar este espazo, onde apenas sobreviven un par de propostas. De feito, Gulías asegurou que sería "marabilloso" que dun dos ciclos previstos, destinado a cociñeiros emerxentes, saísen persoas interesadas en "testar" os seus futuros negocios no mercado, ao non ter que asumir de entrada o investimento que necesitarían. "Oxalá haxa xente que se anime", subliñou a responsable de promoción económica, que mostrou a súa confianza en que, con iniciativas como esta, Pontevedra siga dando pasos para converterse na capital gastronómica de toda Galicia.