Unha Bienal para lembrar: Pontevedra volve brillar coa arte contemporánea como bandeira

Wait 5 sec.

Este venres, a arte contemporánea baixou o pano con aplausos no Pazo Provincial de Pontevedra. O presidente da Deputación, Luís López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, clausuraron a programación da 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra, unha cita cultural que, tras 15 anos de silencio, regresou ao grande e promete quedar. A última nota púxoa o grupo La Ribot, que presentou a súa peza "Labola" no Salón de Plenos do Pazo, pechando así o ciclo de Artes Vivas que percorreu distintos recunchos da provincia desde o pasado mes de xuño. Aínda que as visitas ás exposicións continuarán até o 30 de setembro, o broche de ouro xa se colocou, e con el despídese un evento que, en palabras do presidente, "pasará á historia". Durante o acto, Luís López destacou que, neste tres meses, Pontevedra converteuse na casa da arte, a cultura e, sobre todo, da humanidade. "Un lugar onde a paz, a convivencia e o respecto cobran vida a través da arte", expresou ante artistas, organizadores e amantes da arte que se deron cita para celebrar o éxito do evento. E é que, tras o seu longo parón, a Bienal volveu con máis forza que nunca, levando a vangarda artística e cultural a toda provincia. Por primeira vez, o evento estendeuse máis aló da cidade cun innovador ciclo de Artes Vivas que foi valorado como "todo un acerto". Un dos momentos máis simbólicos, e que mellor resumiu o espírito desta edición, foi o abrazo entre o fotógrafo israelí Miki Kratsman e a artista palestina Raida Adon. "Desde Pontevedra, nunha época marcada por guerras e crises de valores, demostramos que a paz e o entendemento son posibles", subliñou Luís López. Ambos os dirixentes quixeron agradecer o traballo de todas as persoas que fixeron posible este logro: desde os artistas e o comisario Antón Castro co seu equipo, até os miles de asistentes que encheron de vida cada exposición e espectáculo. En especial, López destacou o papel do vicepresidente Rafa Domínguez, "artífice da recuperación da Bienal". Pola súa banda, Domínguez non dubidou en agradecer a implicación de todo o mundo: "Sen a vosa presenza, estas experiencias non terían sentido". "Durante tres meses fomos testemuñas de propostas valentes, innovadoras e profundamente humanas. Esta Bienal lembrounos que, ante todo, debemos volver ser humanos", manifestou Domínguez. Aínda que o programa desta edición conclúe oficialmente, o espírito da Bienal segue moi vivo. "Isto non é unha despedida, senón unha invitación. Hoxe comeza a conta atrás para a 33ª edición. Vémonos dentro de dous anos e, grazas a esta edición e a todos os que formaron parte dela, reencontrarémonos sendo moito máis humanos e máis sensibles ante a dor dos demais", concluíu emocionado o presidente Luís López. [galleries:vertical:10751]