O xenetista Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, defendeu este venres a importancia do compoñente xenético nos trastornos psiquiátricos durante a conferencia inaugural de PonteSan, a Feira da Saúde e Benestar que se celebra durante esta fin de semana en Pontevedra. Carracedo explicou que "todas as enfermidades teñen un compoñente xenético e un compoñente ambiental", pero subliñou que "as enfermidades psiquiátricas son as que máis compoñente xenético teñen". Isto non significa que sexan hereditarias de pais a fillos directamente, explicou, pero si que contan cunha importante carga xenética fundamental para entendelas e, nalgúns casos, anticiparse aos problemas que presentan. O especialista destacou a utilidade do compoñente xenético para dividir os trastornos psiquiátricos, que son complicados, en subgrupos específicos onde poder aplicar tratamentos personalizados. "É unha grande esperanza para poder facer tratamentos mellores", asegurou. Carracedo fixo especial fincapé en dous trastornos: o autismo e a discapacidade intelectual, onde existen mutacións importantes de detectar tanto para o asesoramento xenético das familias como para anticiparse aos problemas. No espectro autista, o 75% presenta tamén discapacidade intelectual, ademais de epilepsia, problemas cardíacos e gastro-intestinais. "Sabendo os xenes podemos anticiparnos e previr moitos deses problemas", explicou. Numerosas persoas asistiron á charla de Ángel Carracedo en PonteSanPontevedraViva O xenetista alertou sobre a magnitude dos trastornos mentais na sociedade actual, sinalando que "máis dun 15% dos rapaces e adolescentes teñen problemas" e que "máis do 25% da poboación ten que ter unha consulta en psiquiatría con problemas da máis diversa índole". Segundo Carracedo, "non hai unha familia que non teña problemas", pero "non nos damos conta da magnitude do problema porque miramos para outro lado". O especialista denunciou o estigma que aínda rodea as enfermidades mentais e defendeu que son "condicións biolóxicas" que hai que entender como tales. "O estigma afecta moitísimo ao trastorno psiquiátrico e hai que loitar contra el", afirmou. O xenetista Ángel Carracedo en PontesanPontevedraViva Carracedo destacou o Proxecto Xenoma de Galicia como unha iniciativa fundamental para o futuro da medicina personalizada na comunidade. Este proxecto, que xa realizou un piloto con "moita adherencia", inclúe o cribado de cancro de mama, ovario, colo rectal e hipercolesterolemia, pero o seu obxectivo final é conectar todos os datos xenéticos cos clínicos para entender mellor as enfermidades, buscar fármacos e previr patoloxías. "Vai ser un proxecto de país de moitísima importancia para Galicia que vai levar anos para facelo pero que é moi importante", concluíu o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica quen manifestou no acto inaugural que sempre defendeu tres cousas: a xustiza, a sanidade e a educación. "Son dereitos que hai que loitar moito por eles porque non é tan fácil que se manteñan", afirmou.