300.000 euros en xoias e obxectos de valor, o 'botín' que roubou unha empregada de fogar en Pontevedra

Wait 5 sec.

A Policía Nacional detivo unha muller, que traballaba como empregada de fogar no domicilio dunha persoa de avanzada idade e con Alzhéimer de Pontevedra, por roubarlle xoias e obxectos valorados en máis de 300.000 euros A traballadora, segundo informou a comisaría provincial, aproveitou o acceso que tiña ás habitacións da vivenda para subtraer pulseiras, medallas, aneis, moedas de ouro, pendentes, placas ou colgantes de ouro. Todo o que levou tiña un enorme valor económico e sentimental. Entre o seu botín había xoias antigas herdadas pola anciá ou numerosos artigos de luxo e bolsos de coñecidas marcas. Foi o fillo da vítima o que denunciou os feitos ante a Policía Nacional ao comprobar que desapareceran gran parte das posesións da súa nai. Os investigadores lograron identificar e localizar á autora do roubo, que chegou a vender até dezanove xoias en diferentes establecementos de venda de ouro de Pontevedra e Valladolid. Todas as xoias e obxectos de valor que foron recuperados polos axentes, tamén no domicilio da empregada de fogar, foron devoltas aos seus lexítimos propietarios despois de que as recoñecesen como súas. A Policía Nacional destaca que o valor do subtraído é "reseñable". Entre outras cousas, ademais das xoias, a detida roubaría dous libros, un deles un facsímil, adquiridos hai moitos anos por case 4.000 euros cada un.