Como un rotundo éxito valorou o Concello de Poio a 37 edición da Festa da Ameixa de Campelo, que encheu o paseo marítimo de visitantes e esgotou todas as racións dispoñibles. Pero Poio non quere que o bo sabor de boca quede só en setembro e por iso, este outubro regresan as Xornadas Gastronómicas da Ameixa, unha oportunidade perfecta para gozar deste manxar da ría en todo o seu esplendor. Durante todas as fins de semana de outubro, doce establecementos do municipio ofrecerán menús especiais onde a ameixa será a protagonista absoluta. Desde as tradicionais ameixas á mariñeira até preparacións innovadoras con cítricos, tabasco verde ou salsas internacionais, a variedade promete sorprender aos padais máis curiosos. Os locais participantes son Casa Angelita, Casa Ces, Casa Laura, Remo, Pinela Terraza, La Nueva Parada, Evoca, La Espuela, Arroyo Mar y Tierra, Entrepedras, O Peirao y Pedramar. A presentación oficial tivo lugar este luns, co alcalde Ángel Moldes á fronte, acompañado pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e representantes do sector hostaleiro. Moldes destacou a importancia de iniciativas como esta para unir o mellor de Poio: o mar e o turismo. "Queremos que estas xornadas e esta festa sexan o mellor escaparate para a ameixa de Campelo e para o traballo incansable das nosas mariscadoras e mariscadores", sinalou. Receitas clásicas como as ameixas con arroz ou en fideuá convivirán con outras máis atrevidas, como as que inclúen salsa beurre blanc ou toques cítricos. Todo a prezos accesibles e coa calidade de sempre. A volta destas xornadas en 2024, tras máis de vinte anos sen celebrarse, foi recibida con satisfacción polo sector. E este ano, coa Festa da Ameixa aínda na memoria recente, o ambiente non pode ser máis favorable. A festa deste ano deixou cifras para o recordo: máis de 1.500 racións de ameixas servidas, con colas continuas durante o fin de semana, especialmente o domingo. As ameixas á mariñeira foron, unha vez máis, as raíñas da cita. Ademais, o evento atraeu a visitantes de toda Galicia e de recunchos tan diversos como Asturias, Madrid, Cataluña, Canarias, Andalucía ou o País Vasco. O crecemento en consumo foi do 20% respecto ao ano pasado, "o que demostra que esta festa xa é un referente gastronómico a nivel nacional", celebrou o alcalde. Un dos grandes obxectivos do Concello é seguir apostando por un turismo desestacionalizado. "Queremos que Poio sexa un lugar onde sempre apetece estar", explicou Moldes. A gastronomía local, baseada en produto fresco e de proximidade, é unha das grandes bazas do municipio. Por iso, estas xornadas tamén serven como homenaxe a quen fan posible que a ameixa de Campelo teña tanta fama: o sector marisqueiro e a hostalaría local. Ademais das degustacións, o vindeiro xoves 2 de outubro, a Casa Rosada acollerá as Xornadas Técnicas da Ameixa, un espazo de encontro entre administracións, expertos e profesionais do marisqueo. Haberá mesas redondas, relatorios e até un taller de showcooking. A cita conta co apoio da Consellería do Mar, a través do GALP.