PSOE e BNG selan un acordo que garante os orzamentos de Vilagarcía de 2025 e achandan o camiño para os de 2026

Wait 5 sec.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o portavoz do BNG, Xabier Rodríguez, asinaron este luns un acordo que asegura a aprobación dos orzamentos municipais de 2025 no pleno deste xoves. Pero o pacto non queda nun simple intercambio de cifras. As negociacións, que se desenvolveron nas últimas semanas, foron máis aló de concretar investimentos e medidas a curto prazo. Ambas as formacións acordaron tamén unha folla de ruta conxunta con vistas aos orzamentos de 2026, "o que garante a continuidade do acordo e a estabilidade presupostaria para o Concello", destacou Varela tras a firma. O alcalde non escatimou en agradecementos ao BNG, recoñecendo o seu papel como unha "oposición esixente, pero construtiva" e valorando a capacidade de ambas as partes para chegar a consensos, a pesar das diferenzas. "Temos un entendemento natural que xa vimos demostrando dende hai anos", sinalou, convencido de que estes acordos benefician directamente aos veciños de Vilagarcía. Pola súa banda, Xabier Rodríguez explicou que o punto de partida foi a análise detallada do borrador orzamentario presentado polo goberno. A partir de aí, o BNG puxo sobre a mesa as súas condicións. A primeira esixencia foi avanzar cara á creación dun gravame específico para as vivendas de uso turístico, sinaladas como un dos principais factores que disparan o prezo do aluguer na cidade. Aínda que non se definiu o modelo exacto, o goberno comprometeuse a traballar no seu desenvolvemento durante o próximo exercicio. "Primeiro teremos que estudar as fórmulas que están a aplicar noutras cidades e logo decidir á que mellor conveña a Vilagarcía", explicou Rodríguez. O segundo punto esixía asegurar o financiamento e finalización de proxectos xa pactados en orzamentos anteriores, pero que aínda están pendentes. Entre eles, destacou a humanización da rúa Vicente Risco, que acumula atrasos pola lentitude dos trámites requiridos a outras administracións, como Augas de Galicia ou Patrimonio da Xunta. Con estes compromisos sobre a mesa, o BNG engadiu novas propostas, moitas centradas no capítulo de investimentos. Unha delas é a adquisición de terreos en Carril para habilitar un aparcadoiro disuasorio sen depender de leiras privadas. Tamén se contempla unha primeira intervención no balneario da Praia Compostela, que recibirá un lavado de face mentres se avanza na preparación do proxecto definitivo en colaboración con empresas e outras administracións. Rodríguez adiantou que o seu grupo detallará o resto das súas achegas nunha comparecencia pública este martes. Por iso, Varela só mencionou algunhas das propostas do BNG que xa se fixeron públicas, como a mellora do pavillón de Bamio ou a plantación de árbores na marxe do río Con. Alberto Varela e Xabier Rodríguez Concello de Vilagarcía O acordo entre PSdeG e BNG permitirá, segundo Varela, pór en marcha"un ambicioso plan de asfaltados e permitirá contar cunha Vilagarcía máis verde e máis solidaria, grazas ao reforzo dos Servizos Sociais, así como continuar sendo un referente a nivel cultural, deportivo e de actividade ao longo de todo o ano". Ademais, subliñou que estes orzamentos impulsarán o crecemento económico da cidade, favorecendo a chegada de novas empresas e creando emprego. Os orzamentos de 2025 ascenden a 39,4 millóns de euros, incluíndo 3 millóns en investimentos propios, aos que se sumarán outros fondos procedentes de subvencións autonómicas, estatais e europeas xestionadas polo goberno local. Varela lembrou que estas contas recollen as demandas veciñais recollidas nas roldas de contactos con asociacións de todas as parroquias e barrios. Permitirá culminar proxectos en marcha e cumprir compromisos adquiridos en exercicios anteriores. Os orzamentos contemplan un aumento do 17,2% na partida destinada a Servizos Sociais e un incremento do 15% nas axudas ao estudo. Tamén haberá importantes investimentos en accesibilidade, humanización de espazos públicos e mellora de rúas e prazas. Por último, e co obxectivo de manter o ritmo de traballo, o alcalde avanzou que a súa intención é ter listos os orzamentos de 2026 durante o primeiro trimestre do próximo ano, consolidando así a estabilidade e a planificación a longo prazo.