Xa hai galardoados coas Centolas de Ouro 2025. O Consello Local de Turismo do Grove acordou entregalas por unanimidade ao cirurxián galego Diego González Rivas, á piragüista Tania Álvarez, ao mariñeiro xubilado Raúl Fontoira e á empresa Nikis Galicia. O alcalde do Grove, José Cacabelos, foi o encargado de anunciar o nome do catro premiados, que saíron dunha edición na que "máis propostas houbo encima da mesa". O recoñecemento a Raul Fontoira, de 86 anos, non se debe, segundo o alcalde, á súa traxectoria como mariñeiro senón por ser o creador un novo tipo de letra, que leva o nome do seu apelido, algo que fixo "como hobby" e que, aos poucos, foise asentando nos sistemas informáticos. Tania Álvarez, padeeiro do Breogán do Grove, resultou merecedora deste premio polos éxitos que logrou nos recentes campionatos do mundo de piragüismo, froito dunha longa e exitosa carreira deportiva "e sempre con moi bos resultados". A terceira Centola de Ouro 2025 será para a empresa Nikis Galicia, creada por David Blanco, unha compañía con sede no Grove que, lembrou Cacabelos, "aos poucos foi crecendo" e alcanzou unha cota de mercado "importante". Tania Álvarez e Tania Fernández no Mundial de Maratón de GyörRFEP "Hoxe en día é unha marca totalmente consolidada no mundo da impresión e nas tendas de agasallos de toda Galicia", subliñou o alcalde. Ademais, O Grove quixo recoñecer co seu galardón honorífico máis emblemático o labor solidario do cirurxián galego Diego González Rivas, innovador na implantación da intelixencia artificial, a robótica e as novas tecnoloxías no ámbito da cirurxía. O rexedor meco destacou que "é merecedor" deste premio porque "está a repartir o seu coñecemento, o seu saber e a súa técnica" por todo o mundo, logrando mellorar a vida de "moitísimas persoas", especialmente en países desfavorecidos. As Centolas de Ouro 2025 entregaranse, como parte da Festa do Marisco, nunha gala que se celebrará o venres 10 de outubro, ao oito da tarde, no auditorio do municipio.