Crear o polígono industrial de Fragamoreira custará case 30 millóns de euros

Wait 5 sec.

A Xunta de Galicia estima que a creación do futuro polígono industrial de Fragamoreira, en Poio, suporá un investimento de 29,9 millóns de euros. Así o avanzou o presidente galego, Alfonso Rueda, despois de que na xuntanza semanal do seu goberno se aprobara de xeito inicial o seu plan estruturante de solo empresarial. Este trámite marca o inicio da tramitación do proxecto para o desenvolvemento deste parque empresarial, que contará cunha superficie total de 373.416 metros cadrados. O novo ámbito, promovido por Xestur, xa pode comezar a desenvolverse despois de superar os requerimentos ambientais. O parque empresarial de Fragamoreira está localizado, segundo destacou Rueda, nun lugar "idóneo e estratéxico" a carón da cidade de Pontevedra e con comunicacións ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, a Vilagarcía de Arousa e á comarca do Salnés. Contará con todos os servizos necesarios para o asentamento das empresas, como é o acceso á rede eléctrica de media e baixa tensión, urbanización das parcelas ou redes de abastecemento. A construción deste parque empresarial forma parte da estratexia da Xunta para ampliar o solo industrial na provincia de Pontevedra. Actualmente, ademais de parques na Estrada, Mos ou Salvaterra, a Xunta de Galicia está a impulsar as ampliacións dos parques empresariais do Campiño, en Pontevedra; e do Pousadoiro, en Vilagarcía de Arousa. A eles súmase o proxecto de reurbanización da central de transportes e terminal intermodal da Reigosa, en Ponte Caldelas.