Tres "mestres feroces" da comedia serán os primeiros invitados que a organización dos Premios Feroz traerán a Pontevedra no marco das actividades previas á súa edición de 2026. A actriz Malena Alterio e os guionistas Borja Cobeaga e Anna R. Costa protagonizarán dous encontros co público pontevedrés dentro do ciclo A comedia segundo os Feroz. Todos eles compartirán cos espectadores como se manexan con este xénero tan especial e repasarán os momentos vividos nas diferentes edicións dos Feroz nos que foron candidatos. O martes 14 de outubro terá lugar un coloquio con Anna R. Costa e Borja Cobeaga, no que charlarán sobre os seus referentes no mundo da comedia, os seus traballos dentro do xénero e compartirán o seu modus operandi, os seus acertos e tamén, por que non, os seus tropezos. Anna R. Costa, ademais de dramaturga, guionista e profesora de interpretación, é creadora e directora da serie Fácil (nomeada a tres Premios Feroz en 2022), na que se mostra con mestría e humor como catro mulleres con diversidade funcional viven xuntas en Barcelona. Antes creou e codirixiu con Paco León a serie Arde Madrid, que narra como viviu Ava Gardner en Madrid en 1961. Logrou tres Premios Feroz en 2019, entre eles os de mellor serie de comedia, mellor actriz protagonista (Inma Cuesta) e mellor actriz de reparto (Anna Castillo). Borja Cobeaga, pola súa banda, fíxose popular tras o enorme éxito de Ocho apellidos vascos, a película que escribiu xunto a Diego San José. Como director e como guionista converteuse nun dos cineastas da nosa industria que mellor se manexa na comedia. Nos Feroz alzouse co premio tanto a mellor película de comedia con Negociador (2016), como a mellor serie de comedia con No me gusta conducir (2023) e Vamos Juan (2021). A guinda do mes será un encontro con Malena Alterio, que o xoves 30 de outubro confesará o que considera máis difícil deste xénero e as anécdotas que atesoura na súa longa traxectoria. O moderador será Javier P. Martín, xornalista e autor do libro Aquí non hai quen viva. Detrás das cámaras: la delirante historia de esta nuestra comunidad. Alterio é unha actriz versátil, capaz de manexarse en calquera tipo de historias, pero no imaxinario popular é unha das raíñas da comedia polo seu papel de Belén López Vázquez na mítica serie Aquí non hai quien viva. En 2024 alzouse co Feroz a mellor actriz protagonista dunha película polo seu papel en Que nadie duerma e foi nomeada en 2018 e 2019 como mellor actriz protagonista dunha serie polo seu traballo en dúas das tempadas de Vergüenza. As entradas para estes encontros son gratuítas previa retirada de localidades na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, desde sete días antes de cada actividade e ata completar o aforo. Haberá un máximo de catro entradas por persoa.