O novo Comité Provincial do PSdeG-PSOE márcase como obxectivo recuperar a Deputación en 2027

Wait 5 sec.

O PSdeG-PSOE pechou este sábado en Vilaboa o proceso de renovación dos seus órganos coa constitución do novo Comité Provincial, máximo órgano entre congresos no que están representadas todas as agrupacións socialistas da provincia. David Regades, reelixido por unanimidade como secretario xeral no 5º Congreso Provincial celebrado o pasado maio, afronta así a súa terceira etapa á fronte do partido cunha executiva que combina continuidade e renovación. O líder socialista fixou como principal meta para as eleccións municipais de 2027 "reforzar a hexemonía nas alcaldías e volver poñer á Deputación ao servizo desta provincia". O PSdeG-PSOE governa actualmente en 19 concellos tras os comicios de 2019. Regades mostrou optimismo de cara aos próximos comicios e asegurou que "a xente nos quere votar e temos que traballar para que nos vote", ao tempo que criticou o funcionamento actual da Deputación, que considera que "só funciona de forma partidista como unha sucursal da Xunta". Durante a súa intervención, o secretario xeral denunciou a ausencia dun proxecto serio do Partido Popular para Galicia e lamentou "a súa política de confrontación permanente co Goberno de España". O novo Comité Provincial quedou constituído tras un proceso iniciado en maio que incluíu a renovación das direccións locais en todo o territorio provincial, nun ambiente que Regades cualificou de "total unidade".