A perigosa e gran mentira continúa

Wait 5 sec.

Se hai algunha característica que cremos que nos define a Si, hai saída é a resiliencia, e o convencemento de que, de cada mala experiencia que nos tocou vivir ao longo destes 11 anos de traxectoria, que non foron poucas, nin doadas de superar, sempre aprendemos algo e conseguimos atopar algo positivo, algo que tal vez é o que nos permite continuar loitando, malia todos os atrancos que nos poñen por diante. Quixemos crer, polo que se ve moi inxenuamente, que todo o que está a acontecer tras saír á luz os gravísimos fallos das pulseiras telemáticas que puxeron a vida de tantas e tantas mulleres en serio risco non sería a excepción e que, ademais de poñerlle solución, de que o Ministerio de Igualdade, e máis concretamente a ministra, asumiran responsabilidades, tal vez isto supuxera un antes e un despois nesa gran farsa que quedou máis que demostrado que é a loita contra a violencia de xénero no noso país, na que as vítimas son maltratadas, ademais de polas súas parellas e ex parellas, por un sistema que lonxe de protexelas, pon as súas vidas nun risco aínda maior que o que xa corrían, e que, a partir de aquí, todo iría a mellor, pero nada máis lonxe da realidade. A estas alturas, xa quedou máis que demostrado que os fallos nos dispositivos eran un segredo a voces, como demostrado quedou que veñen de lonxe, e os que traballamos día a día coas vítimas sabémolo ben. Dispositivos "low cost" de fabricación chinesa e pouca ou ningunha fiabilidade foron, durante moito tempo, o "placebo" co que se supoñía que as vítimas debían de sentirse protexidas, malia as repetidas e numerosas irregularidades e eivas no seu funcionamento, por poñer tan só un exemplo. En Si, hai saída vivimos situacións tan rocambolescas e graves como comprobar, impotentes, que un maltratador que portaba o dispositivo, ademais de ter unha orde de afastamento, alugaba un piso no portal contiguo ao da súa ex parella, ao que se trasladou, sen que o aparello soara en ningún momento. Persecucións no coche cando a vítima saía do seu traballo ou se dirixía a el. Instalarse a tomar algo tranquilamente no bar fronte ao lugar de traballo da vítima... e tantos e tantos episodios que poderíamos seguir contando, mentres o dispositivo continuaba en silencio. Pola contra, noutras ocasións comezaba a soar repetidamente ata que a muller se desquiciaba por completo, comprobándose posteriormente que o agresor non se atopaba preto dela para nada cando isto sucedía... o dito, teríamos moito que contar. Pero, moi lonxe de ver algunha mostra de arrepentimento por parte da ministra de Igualdade, de que, nalgún momento recoñecera os fallos máis que demostrados, e, por suposto, pedira desculpas, o único que puidemos ver e escoitar foi a unha "señora" prepotente, altiva, sen un ápice de humanidade, que cun xesto e un ton que xeaba a sangue de calquera e amosando un total desprezo polas vítimas, aseguraba sen pestanexar que ningunha muller correra perigo en ningún momento, e que, en todo caso, foron "fallos puntuais", eludindo dar respostas nin argumentos concretos. Daba arrepíos escoitala! Acto seguido desapareceu do mapa, para encomendarlle a tarefa de repetir o seu discurso á delegada do Goberno contra a violencia de xénero, Carmen Martínez Perza, que cun ton máis moderado, iso si, nos contaba a mesma "milonga". Posteriormente, nun máis que estudado golpe de efecto, a ministra volvía a facer acto de presencia para anunciar que Igualdade estuda (porque, outra cousa non, pero nese Ministerio "estudos" fanse moitos) prohibir os centros provida preto das clínicas abortivas. Dito doutro xeito, encoméndalle os "marróns" aos demais e ela tenta reconquistar os seus momentos de gloria anunciando unha medida que, sen dúbida, lle fará gañar puntos ante moitas mulleres. Eu sería unha delas, pero nada de canto diga esta "señora" me merece xa nin o máis mínimo respecto despois de comprobar o seu desprezo polas vítimas de violencia machista, o cal a rebaixa a nivel do chan, xa non como ministra, senón coma muller. Ana Redondo foi reprobada polo goberno, si, pero segue aí, sendo ela mesma un perigo para as vítimas, e quedando en clara evidencia a consideración que lle concede á violencia de xénero un goberno que se gaba de ser pioneiro na loita contra esta lacra e de feminista. Tampouco desde as FCSE hai pronunciamento ningún, malia xogar un papel fundamental neste tema, por razóns obvias, pero isto é algo ao que o ministro Grande Marlaska xa nos acostumou desde o primeiro día no que tomou posesión do seu cargo. A violencia de xénero non é, obviamente, algo que lle preocupe, e, porén, tampouco sabemos se desde o eido do cal é directamente responsable se está a actuar correctamente, protexendo as vítimas como corresponde, malia que, por desgraza, tampouco fai falta que nos aclare nada, porque todos coñecemos a resposta. Curiosamente, tampouco por parte dese sector "feminista", non do feminista de verdade, que tanto fala de violencia institucional, veña ou non a conto, hai reacción de ningunha clase, porque, claro, "feministas" si, pero a vaquiña polo que vale, non si? Porque se algo teñen en común os integrantes de todos estes eidos dos que estamos a falar é que a violencia de xénero, malia ser considerada, á vista está, un delito de segunda categoría, é un negocio moi rendible para todos eles, incluídos eses colectivos que practican un "altruísmo" que lles permite ter os petos ben cheos sen máis esforzo que aparecer nos minutos de silencio, aparecer nas fotos de determinados actos, codearse cos VIPs aos que tanto din desprezar, pero de cuxo círculo devecen por formar parte. Así as cousas, non hai resiliencia que valga, non hai nada positivo que atopar en todo isto, se mire por onde se mire. A única certeza é a de que a perigosa e gran mentira á que lle chaman loita continúa, e continuará, sendo soamente iso, unha gran mentira. Asociación Si, hai saída