O Partido Popular de Pontevedra reclama unha resposta urxente do goberno municipal para resolver a carencia de auga potable que afecta o CEIP Santo André de Xeve desde o comezo do curso escolar. Preto de 150 escolares atópanse sen acceso a este servizo básico no seu centro educativo, segundo denuncian. Rafa Domínguez, presidente e portavoz municipal do PP, responsabilizou directamente o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e ao concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, desta situación. O dirixente popular insta o goberno do BNG a que "deixen de buscar escusas e culpables externos para encubrir unha xestión nefasta das tarefas de mantemento e subministración de auga potable que depende directamente do Concello de Pontevedra". Domínguez subliñou que "non se trata dunha avaría sobrevinda, sen marxe de reacción, senón dunha situación crítica e dabondo coñecida por parte do alcalde e da concellaría de Educación desde este verán". Ante esta situación, o portavoz popular cualifica de "vergoñento" que os menores se vexan privados de auga potable no seu colexio. O líder da oposición concluíu que "Lores hai moito tempo que deixou de estar pendente das necesidades básicas dos cidadáns, sumado ao abandono de funcións dos seus concelleiros, é unha quimera que estean á altura de responder os problemas que padece a cidadanía e os pontevedreses están a pagalo dabondo".