Antigas pupilas de Maite Méndez enfrontaranse ao Arxil no segundo Memorial da adestradora

Wait 5 sec.

O Club Baloncesto Arxil celebrará o vindeiro domingo 28 de setembro o segundo memorial de homenaxe a Maite Méndez, a adestradora que dirixiu durante décadas ao equipo pontevedrés e que faleceu en abril de 2024. A homenaxe terá lugar no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) ás 12:00 horas, con entrada libre. A cita enfrontará ao equipo sénior actual de Liga Feminina 2 contra un combinado de ex xogadoras que estiveron baixo as ordes de Maite Méndez ao longo da súa ampla traxectoria no club. "Segundo memorial de Maite, facémolo na mesma data que o ano pasado", explicou Marita Janeiro, actual adestradora do Arxil. A idea inicial era contar con equipos galegos de Primeira División como o Ensino de Lugo, Baxi Ferrol e Celta, pero un cambio no formato da Copa Galicia provocou que a final coincidise coa data prevista para o torneo. "Quedamos así un pouco no aire descolocados hai dúas semanas practicamente", recoñeceu Janeiro, quen detallou que tamén barallaron opcións como equipos portugueses. Con todo, foi a presidenta Milagres Sanmartín quen propuxo a fórmula definitiva: "Á xefa acendéuselle a luz e dixo, oe, e por que non facemos isto? E convocamos a antigas xogadoras". A resposta foi inmediata. "Creouse un grupo de WhatsApp, empezou a entrar xente, fóronse engadindo e demais, e ao final creo que van xogar 30", sinalou a técnica, quen afirma: "que mellor homenaxe para Maite que sexan as súas propias xogadoras as que pasaron por aquí que veñan xogar". O acto incluirá tamén unha comida posterior para todas as participantes, nun ambiente que promete ser emotivo e familiar, lembrando a figura de quen foi a alma mater do baloncesto feminino pontevedrés. Lino Vázquez, marido de Maite Méndez e un dos fundadores do club, tamén asistía a esta presentación do acto no CGTD. De face á nova tempada, que comezará a primeiros de outubro, Janeiro móstrase prudentemente optimista: "As sensacións do equipo son boas. Que pasa? Que son novas e hai moito que traballar", admitiu sobre un persoal practicamente renovado tras o descenso da pasada campaña desde a liga Challenge.