O programa municipal "A pé de rúa" está de volta co mesmo obxectivo de sempre: dar visibilidade e dinamismo ao comercio de proximidade, ese que forma parte do día a día nos nosos barrios. Nestes días, o proxecto impulsado pola Concellería de Promoción Económica e da Cidade arrincou unha nova etapa no Mercado de Abastos, e este xoves a concelleira Anabel Gulías anunciou unha nova localización: as Galerías da Oliva. Unha das claves deste programa é que os propios comerciantes son protagonistas, xa participan activamente na organización de actividades, promocións e campañas para atraer ao público. E, como parte desta nova edición, volve tamén unha iniciativa moi especial: "Rizando o Rizo", que busca dar un impulso ao sector da perruquería, barbería e estética en Pontevedra. Segundo Beatriz Pintos, presidenta da Asociación Provincial do sector, na Boa Vila hai uns 150 profesionais dedicados a este campo. A actividade "Rizando o Rizo" arrincará o 1 de outubro de forma dixital. Durante máis de dúas semanas, até o 17 de outubro, animarase á cidadanía a participar a través da conta de Instagram @rizandopontevedrate, etiquetando ás súas perruquerías, barberías e centros de estética favoritos, axudando así a darlles visibilidade. Haberá sorteos de vales de 60 euros entre quen participen, que poderán trocarse nestes establecementos. E o 18 de outubro, entre as 16:30 e as 21:00 horas, quince profesionais do sector estarán nas Galerías da Oliva ofrecendo os seus servizos a prezos especiais. Ademais, a xornada incluirá charlas, conferencias e un concerto do grupo Soul Rivers, tal e como anunciou Antonio Santiago, presidente das Galerías. Quen queiran participar en calquera das actividades poden consultar toda a información e inscricións no correo info@creargalicia.com. Aproveitando a ocasión, o sector volverá alzar a voz para reclamar ao Goberno central a baixada do IVE do 21% ao 10% nos servizos de perruquería, barbería e estética. Lembran que até 2012 contaban cun IVE reducido do 8%, que foi subido "temporalmente" polo Goberno do PP… e esa temporalidade alargouse máis dunha década. Presentación de 'Rizando o Rizo' Concello de Pontevedra