A Festa da Xuventude de Samieira promete seis horas ininterrompidas de música

Wait 5 sec.

O Concello de Poio organiza este xoves a Festa da Xuventude de Samieira, que terá lugar no campo de fútbol da parroquia. A xornada contará con seis horas ininterrompidas de música, dende as 22:00 ata as 04:00 horas, da man dalgúns dos nomes máis prometedores da escena DJ galega. A sesión comezará coa actuación de Olalla Rodríguez ás 22.00 horas, seguida de Aitor Alfonsín que estará no escenario de Samieira ata a medianoite. Logo será quenda de Rubén Rey e á 01.00h pinchará Hugo Martínez. Borja Solla comezará ás 02.00 horas, para rematar a Festa da Xuventude con MJR, ás 03.00 horas. O evento, de acceso gratuíto, está organizado polo Concello de Poio coa colaboración da ACD Galo Bruxo, a ACD Andaina de Samieira e a Comunidade de Montes. Tras o éxito do festival Senda do Mar, celebrado recentemente na Seca, Poio anima á mocidade a participar nesta cita para "gozar do mellor da escena urbana galega nun ambiente festivo e seguro". Borja Solla é un dj galego cun estilo persoal e contundente, habitual en eventos urbanos onde destaca pola súa versatilidade en cabina e conexión co público. Vén de participar hai unha semana no Senda do Mar que se celebrou na Seca, onde puxo a bailar aos milleiros de persoas que asistiron ao festival. Hugo Martínez é un DJ de Cangas do Morrazo de tan só 21 anos, pero cunha presencia constante en salas importantes como Queen, Polaris, Circus, Tokyo ou Buddha Sanxenxo. Aposta por sons urbanos con ritmos latinos, Dembow e reggaeton. MRJ é un proxecto liderado por Javi, DJ e produtor galego, cunha ampla formación musical. O seu estilo mestura contundencia, carisma ao micro e sets de alto voltaxe. Compartiu cartel con artistas como Saiko, La Zowi, Cano, Ballesteros ou José de las Heras e forma parte de Latinbox. Aitor Alfonsín é residente do coñecido Buddha Bar en Sanxenxo e habitual nos clubs galegos. Domina o terreo urbano e club con técnica e versatilidade. Rubén Rey é residente do Harbour, en Vilagarcía de Arousa, e combina elegancia e contundencia en sets urbanos e con toques electrónicos. Por último, Olalla González, de Redondela, é unha DJ cunha forte proxección que destaca polo seu estilo atrevido, versátil e contundente en cabina.